Publicidad:
Terra
La Coctelera

ALGUNHAS COUSAS MIÑAS

EN CADA NOITE DE TORMENTA LATE UN FERMOSO AMENCER

22 Octubre 2011

 Talento. Neurociencia, neuroxénesis, Neurona intelixente. Intelixencia humana que aínda non chegou aos ditadores. Quedaron varados no camiño. Aumentaron a capacidade cerebral para mellor manipular aos semellantes vasalos. Deixaron no camiño a humanidade que a todo humano se lle supón. Todos iguais. Arrogantes e ameazadores esperando o sacrificio alleo mentres como toupas intentan fura-la terra que os protexa das bombas que feren, que matan aos seus. Salvar a pel a calquera prezo.

Sadam Huseín intentouno. Enfrontouse ó mundo declarando a nai de tódalas guerras. Ameazando a calquera que puxese os pes no chan sagrado de Iraq, e buscou o oco máis fondo onde agocharse mentres o pobo morría por defendelo. Nada aprendeu El Gadafi,  seguiu o mesmo camiño da ameaza, o mesmo camiño da toupeira.

Van caendo un a un. O mundo séntese máis tranquilo. Os xefes de goberno acoden aos países que loitan polo liberdade que ten algo que os demais non temos. Petróleo. Os que un día foron amigos pasan a formar parte dos apestados. Ningún xefe de goberno acode a Somalia onde tamén loitan. Son humanos tamén que foxen da guerra das armas que os mesmos xefes de goberno lles venderon ou deron permiso para vender. O mundo xira derredor do petróleo, do vil metal, non da humanidade. As relacións cos demais países dependen do mercado, do interese.

Novos ditadores están a medrar sobre a face da terra. Estudando a maneira de se defender da mesma xente que os ha levar ata o cumio do poder. Nada aprende o mono espido que non viñera impreso nos xenes. Os mesmos fins con diferentes métodos estanse a levar a cabo. O mesmo mono espido que un día viu máis rendible roubar o alleo que producir, traballar, aforrar e non consumir sen necesidade, está a saír á luz na espera do seu momento para facerse co poder, mandando aos demais, se fose necesario, morrer por el e os seus descendentes. E agocharse.

Novos cordeiros están desexosos de seren sacrificados para defender ó novo ditador que os suba máis altos co veciño. É tempo de asoballar. A neurona dorme baixo o efecto do -soma. Os máis esperan o sacrificio dos menos para ó remate da contenda dicir : gañamos: fixemos: se todo saíu ben, perderon e nada fixeron,  se non sae ou sae mal. Espaviados eles.    

Avanzou a ciencia e as novas neuronas- espello- saíron á luz. Un logro para a humanidade, din algúns. Máis posibilidades de vida, din outros. Pero ata que a evolución non faga o seu traballo e desapareza a intrínseca maldade adquirida durante séculos, a creada por deus, seguirán aparecendo os mesmos aproveitados de sempre vestidos con diferentes cores, aproveitados á fin. E senón, ao tempo.           

servido por queixa 2 comentarios compártelo

21 Octubre 2011

novos tempos

 

Ano de 1959, mal ano para os pobres. Os nenos baleiraban vagóns de carbón. Subían caldeiros de masa.¡ O mundo non era xusto! ¡Nunca fora xusto!  A garda civil do réxime prohibía saír de noite, falar galego, ler libros prohibidos. Aos mozos de Euskadi non lles gustara. O meu amigo fuxira da escola porque lle bateran e lle fixeran dano. Os mozos de Euskadi tamén fuxiran ó pobo veciño porque tamén lles dixeran :ánimo amigo: eran valentes os mozos porque loitaban polo seu pobo, pola súa xente, pola súa lingua materna.

Os perdedores non ten descanso, foxen por ser xitanos, por ser perdedores foxen e viven na serra de Queixa, foxen cara Francia e mercan pistolas, e bombas que fan estoupar preto dos represores,  ¡eran valentes os de Euskadi! E fixéronse chamar E.T.A. e viron os demócratas do mundo que eran bos. E mataron a Carrero e foron recibidos como heroes no mundo sen represión. Eran valentes e pensaron que eran deuses porque podían matar e lles diciamos :  ánimo amigos: trabucáronse como se trabucou o neno, todos os nenos, moitos nenos.  Non souberon dicir amigo, amodo. Nin respetar aos novos heroes que saíran á rúa dicindo: todos iguais: os comunistas ten nai. E mataron e causaron dor nos mesmos nenos que onte lles dixeran: ánimo amigo.

Pasaran moitos anos. 52 ata aquel 20 de novembro do 2011 cando dixeron :vasta de mortos, 829  son suficientes. Trabucámonos no tempo e sentímonos deuses que non eramos. É tempo dos mortos, dos que din amigo amodo. Morreron os libros prohibidos e morreu o que prohibía falar galego e ler galego. Rematou.

E os nenos que viviron os anos malos descansaron e sentíronse contentos porque á fin morrera a morte inxusta, morrera a xenreira que mata, morrera E.T.A. e comezaba un novo mundo sen mortes inxustas nin medos nas noites de Euskadi.¡ O mundo comezaba a ser xusto!

Todo queda atrás. O mono espido vai deixando rastro de mortos inútiles detrás súa ó longo da historia. Detrás quedan os mostachos dos represores vestidos de militares que repartían malleiras inxustas. Detrás as inxustizas cometidas co pobo xitano, coas mulleres e cos pobres, cos que falaban diferente e pensaban diferente. Con os que bailaran coa fermosa moza que lle gustara ó garda civil.  Todo queda atrás e queda lonxe, moi lonxe os días na serra do Sanmamede e os longos paseos ata Montederramo calzando zocas de pau de Ameneiro. ¡Qué lonxe! Aquel atentado de Atocha, última rabexada dos que pensaban que eran diferentes, raza pura creada dun deus diferente. Os que pensaron que matando aos que matan quedariamos en paz e o mundo sería xusto. Ollo por ollo sen tino, sen xustiza xusta.

Hoxe comeza un mundo novo. Sempre comeza un mundo novo para os que comezan a andaina no vello mundo. É historia a historia da historia que remata. Unha música de liberdade sona ao lonxe. Un recordo  aos que sufriron as consecuencias daquel inxusto ano. Aos que recordan ós seus mortos na contenda  de tódalas contendas. 

 

As estrelas van fuxindo,

a espesa nebra enrarece

o arboriño que florece

por entre ela vai subindo. * * * Rosalía de Castro

servido por queixa 5 comentarios compártelo

1 Septiembre 2011

 

Ben eu quixera trabucarme cando dicía hai moito tempo, que íamos ser nos, os que temos menos defensa, os que tiñamos que pagar os excesos dos bancos e grandes corporacións monetarias. Que podíamos cambiar de muiñeiro pero que era difícil cambiar de ladrón.

Agora, co acontecer dos novos tempos, non só imos pagar os excesos e malas praxis duns e dos outros,  senón que nos daríamos cun canto nos dentes se nos ofrecesen non ir a peor.

 Pode que este país non estivese ben gobernado por uns, pero cando os uns e máis os outros se poñen de acordo: virxenciña, déixame como estaba, porque se o sabio non aplaude, malo/ se aplaude o necio, peor.

Pero bueno, sempre nos quedará a Porta do Sol.

 

   

servido por queixa 2 comentarios compártelo

5 Julio 2011

 

Despois de dous meses de descanso retomo a boa costume de encomiar a fermosura desta nosa terra galega, e criticar todo o criticable ou se cadra máis.

Moitas cousas levan acontecido neste sesenta días. Debates políticos sen posibilidade de arranxo para este país, descontentos cidadáns que saen á rúa demandando máis democracia e algún traballo, cambio nos gobernos autonómicos que desexamos non sexan só de -muiñeiro-  soldados mortos nunha guerra que ninguén entende e esta crise que aumenta as desigualdades dunha sufrida poboación, que mira con impotencia como algúns se forran á conta dos demais. Polo demais, todo segue igual, ata a fermosa lúa que alumea nestas noites de verán nace no mesmo lugar de sempre.

E nos, os que comezamos a cumprir anos de a dous ou máis, por teres alcanzado a cheas o cénit da idade, ollamos retrospectivamente intentando atopar sen conseguilo, outros tempos onde a vida era máis fácil e o mundo máis xusto.

Grazas a tódolos / as que neste tempo de seca se acordaron de min e das miñas letras, unha aperta.

  

servido por queixa 3 comentarios compártelo

2 Mayo 2011

polos camiños de queixa

 

Camiñando nestes camiños floridos, ollando este ceo tormentoso e aspirando o arrecendo das brancas xestas, séntese o camiñante máis preto do paraíso. Ata min, chegan recordos doutras xentes que noutrora souberon apreciar esta dozura da nosa terra, que morreron namorados de toda a fermosura que so estes lugares ofrecen. Tal é o caso de Rosalía de Castro, que deixou en verso canto amou a nosa terra.

 

Nesta terra tal encanto

 se respira.. triste ou probe,

rico ou farto de querbanto,

¡se encariña nela tanto

Quen baixo o seu ceo se crobe!

 

servido por queixa 4 comentarios compártelo

22 Abril 2011

pra quen corresponda

mamotreto en Chandrexa de Queixa 

 

Dende lonxe, cando o viaxeiro se atopa de fronte o cartel co nome do concello e sente ante si a inmensidade do macizo central ourensá, o primeiro que chama a atención na parte máis alta do pobo é, esta morea de ladrillos que dende fai doce anos preside a paisaxe. Restos da prepotencia do ex presidente Fraga cando chegaban moreas de cartos europeos ás nosas  arcas, daquela, pensábase en inverter en poder nos concellos que como este, eran e seguen sendo propiedade dos seus.

Agora, dende fai doce anos, preséntase cada campaña electoral polo alcalde que leva vinte anos gobernando, como obra a rematar nos catro seguintes anos; e mentres  que abusando da voa fe das xentes da aldea se vai perpetuando ano tras ano no poder, sen mover un dedo en xestionar o que parece -inxestionable- comeza a obra a se desmoronar polas inclemencias do duro tempo na montaña, máis o ácido do esterco que moreas de pombas o colleron en propiedade.

Centos de miles de euros, que ademais de ser malgastados nunha obra sen futuro, serven pra unha e outra vez, enganar aos  maiores que necesitan un lugar onde pasar os derradeiros anos. Cando alguén acode ó concello na procura de información, é o noso alcalde o que amablemente, e despois de votarlle a mal poro lombo lle di: espera seis meses e xa terás unha praza nesta residencia, porque agora xa témolos cartos: despois, en tempos de novas eleccións, mándaselles un taxi alí onde foron atopar un lugar ou axudáselles pra que voten por correo.

Así segue sendo esta nosa Galiza do rural, sinxela e acolledora, aberta a comprender as patrañas que os caciques de turno lles conten, de boa fe. Esperando - de quen corresponda- que se tome a mellor decisión, a posible, pra rematar ou destruír este mamotreto que continuamente insulta á paisaxe, e sobre todo, que deixe de formar parte dunhas propostas electorais que comezan a cheirar a tomadura de pelo.     

 

 

servido por queixa 4 comentarios compártelo

21 Abril 2011

demasiadas cruces

 

 

Xoves santo cristiá, días de lecer amparados nunha vella e fermosa historia. Necesitamos destas historias pra sentirnos amparados, pra pensar que alguén antes ca nos, máis importante, foi entregado á morte por amor a nos, así, cando se fai difícil aceptar algunhas realidades que nos fan dano, votar man desta enchente de amor pra sentirnos arroupados.Mentiras, din algúns. Historias  humanas baseadas nun medo antropolóxico sen superar, din outros. Ata hai quen di, que se non existiran deberíamos inventalas.

Fermosa idea cando levanta paixóns, cando forma un equipo que compite e se supera, que une a xentes dun mesmo pensamento. Vendo a tristura reflexada nas facianas dos penitentes cando a choiva lles impide ensinar ó mundo a imaxe venerada, pódese ver como algo fermoso, humano. Cando se pasa ese límite de rivalidade sa, e se maltrata o propio corpo flaxelándose, ou peor aínda, imitando ó crucificado, creo que comezamos a entrar nun radicalismo cruel, enfermo, que algo patina.

Cústanos atopar ese termo medio que leva á moderación. Gústanos pasar a liña roxa. Dantesco espectáculo de corpos sangrantes deitados no chan na procura dunha pretendida redención. Demasiadas cruces inventadas cando son suficientes as que a cada quen nos tocan de serie.         

servido por queixa 2 comentarios compártelo

20 Abril 2011

é primavera

 

 

Orballa lentamente, pingueiras ingrávidas que se resisten a abandonar o espazo  xogan a columparse antes de caer suaves sobre o verde campo e abeberar o natural xardín. Nubes pechas camiñan en formación debuxando de gris sombrías figuras, e deixando no que escribe sensacións de soidade que raian os límites da depresión. Primavera florida, xardín de colores variados que cobren canto o ollo alcanza, branco  da humilde xesta con arrecendos doces, arco da vella pintado sobre o extenso campo. E chove.

Escuros recordos pululan arredor de min traendo imaxes do pasado, recordándome os momentos máis escuros. Será a xoven  primavera que coa súa forza xuvenil pasou levantando esquecidos recordos. Será quizás esta choiva húmida que vai calando nos  desleixados corpos que se resisten a deixar pasar a forza da primavera. Non o sei.

Ollo a través da fiestra e apodérase a melancolía, a deixadez. Un raiolo  despistado entra, pasa e desaparece deixando sensación de vida, de futuro máis luminoso, de renacer. ¡Quen sabe!  Quizá non existan as famosas estacións. Quizá, a humana cabeza invente cambios alí onde nada se move, pero  chove.        

servido por queixa 2 comentarios compártelo


Sobre mí

Avatar de queixa

ALGUNHAS COUSAS MIÑAS

ver perfil »
contacto »

Buscar

suscríbete

Selecciona el agregador que utilices para suscribirte a este blog (también puedes obtener la URL de los feeds):

¿Qué es esto?

Crea tu blog gratis en La Coctelera