Quixera, porque é primavera, escribir sobre os mellores sentimentos  humanos, eses que espertan tenrura, que levantan os ánimos cansados da loita diaria. ¡Que difícil se fai! cando se escoitan noticias como as ultimas ideas do señor Berlusconi, na súa particular loita contra a emigración ilegal.

Pretende facer unha lei que prohiba o rexistro dos fillos de emigrantes ilegais nacidos en Italia.

Agora que comezou a campaña electoral ó parlamento europeo. Cando escoitamos palabras como, xustiza social, por parte de políticos escorados á dereita a un parlamento que debería facernos mais cidadáns do mundo.

 Dese mundo global que tanto defenden cando hai algo que levar, pero que despreza ó ser humano cando demanda xustiza.

¡canto sabe de inxustizas o pobo galego! E como doe saber que seguen aí. Que o mundo dos pobres non cambia. Que é mais forte a idea de poder que a idea de xustiza. Que os amigos conséguense mais fácil cando tes algo que dar.

Difícil disfroitar a fermosura desta primavera, sabendo que nunha parte importante deste mundo, que é de todos, outras xentes que pasan fame e se arriscan a vir a esta Europa onde cada día se tiran toneladas de pan, en chegando, atópanse novamente ca inxustiza dunha xente, que por ó feito de nacer na abundancia, desprezan a todo aquel que non tivo a mesma sorte.

¡canto temos que cambiar!