Baixou a miña ruliña dende a ponla mais alta do piñeiro. Traía os ollos chorosos, o pico aberto en busca de aire fresco, e moitas ganas de falar. Contoume, que os israelitas seguen utilizando o seu método particular de castigo. Que por cada estralo que fan os seus veciños, asasinan indiscriminadamente a xente civil que nada ten que ver ca xenreira política dos mandatarios. E isto, sen que o resto do mundo faga ou diga nada.
Contoume, que é tal o poder do diñeiro, que xa poden os marroquís asoballar aos saharauís, ou castigar os radicais islámicos ás súas mulleres nas prazas públicas, que mentres teñan algo que interese ó mundo rico, nada terán que temer. Que chega a tal extremo ese poder, que ata pode mercar a liberdade dun truán, ou condenar a un inocente.
Cree a miña rula, que temos difícil arranxo, que mentres non consigamos voar sobre as nosas propias miserias, nada cambiará. Contoume, o difícil que é ser rula nestes tempos, que vende máis o maxestoso voo dun gabián, o sorriso dun carroñeiro ou a leria dos espaviados de turno, ca unha manada de honradas pombas.
Faloume, dos lumes provocados cando favorecen a alguén. De como destruímos as árbores a cambio da vil e escasa moeda. De como asoballamos a terra con produtos abrasivos pra colectar hoxe, sen pensar no mañá. De como ensuciamos a atmosfera ata facela irrespirable. De como contaminamos os mares, as lagoas, e canto a man humana toca.
Contoume en fin, que a pesares de haber pasado a época medieval, pouco cambiamos ó momento de disparar a todo o que voa, de envelenar ríos e regatos por coller unha troita que non necesitamos pra comer. Triste chegou a min, e triste a vin levantar o voo novamente. Mentres eu, sigo matinando unha solución lóxica que poida facer compatible a humanidade, e mais o entorno natural, porque cos seus semellantes, imposible.

HOLA
Que amable a túa rula, sinxela e realista pero loitadora e independente, ns tempos que corren é moito.
Abuliño!
Hola me ha encantado tu escrito , todo el blog
chaoooo