Escoitando o debate no congreso sobre a política económica, espero que ó resto dos españois non lles ocorra o mesmo, sentinme perdido. Se o que pretendían os nosos mandatarios era complicar as cousas de forma que ninguén as entendese, no meu caso, conseguírono.

Un presidente querendo recadar mais impostos sen explicar o que vai facer con eles, nin de onde os pensa sacar, quitando ou dando diñeiro ós cidadáns segundo veña o vento. Unha oposición falando de apertar o cinto, ó mesmo tempo que nas comunidades gobernadas por eles se fai o contrario.

 

Un Madrid onde teñen os impostos mais caros do estado, os mesmos que aseguran non subirían se gobernaran. En Valencia, un tras outro se celebran festas e congresos coa única idea de apoiar, non ós parados, senón, ó presidente da jeneralitat ou a alcaldesa que cobran oitenta mil euros ó ano. En Galicia, onde segundo din, temos ó mellor administrador de todo o estado, aprobase un presuposto de cento cincuenta millóns de euros pra unha das mais grandes barbaridades que se poden cometer con diñeiro público, obra do fundador do seu partido- a cidade da cultura.

Critican o resto dos partidos ó goberno, segundo sexa a ideoloxía ou os intereses da comunidade á que defenden, así, mentres que uns pon o berro no ceo pra que non se toquen os impostos ou se baixen, caso de Converxencia i Unión, claman outros ó ceo das esquerdas pra que se suban ó dobre aos mais ricos.

Ante esta desinformación á que nos someten uns e outros, quedamos os sufridos cidadáns esperando como milagre divino, que deixen os mandatarios de facer política coas nosas miserias, e se esta crise nos á deixar espidos, que sexa por o menos en boa harmonía.