Poucas veces a vellez foi a mellor etapa na vida das xentes, pero tampouco podemos asegurar que é a peor. Moitos condicionantes inciden na calidade dunha vellez repousada e tranquila, pero o que máis, o lugar onde nos collan os derradeiros anos. Nada que ver entre o bulir da inqueda  cidade, e a apracible soidade do pobo.

É aquí, na soidade do campo, rodeado da quietude do calmo silencio, onde só o rumor do vento nas árbores, xunto co piar do pequeno xílgaro altera o pensamento, ese pensamento que nos acerca mais ó momento dos tempos que nos tocou vivir, duros naquel intre, doces no recordo.

Lembranzas dunha xuventude chea de necesidades en tódolos eidos; nas comunicacións, onde era o correo o único medio de relacionarse coas persoas que estaban lonxe, un correo que necesitaba unha semana pos países mais próximos a nos . No vestido, onde só se mercaba un vestido ó ano, e nun alimento tan escaso e repetido.

Só facendo o esforzo de recordar, chegamos á feliz conclusión, de que non calquera tempo pasado foi mellor. que esta agarimosa terra, nos está devolvendo con réditos na derradeira etapa da vida,   todo o que nos privou na mellor xuventude. Recordar, que só ollando cara atrás se pode comprender a vida, porque os recordos son a bagaxe do vivido. É recordar, que só se vive ollando cara a diante.