lembranzas
¡Cantos anos fai que existo! Penso ás veces. Sobre todo, cando recordo os meus quince anos. Lémbrome, duns compañeiros de clase que nunca volvín a ver, duns camiños de terra que percorría nunha bicicleta marca (Orbéa) feita de ferro, pesada, ruíns freos e sen luz ¡como gozaba nela!
Recordo ó río Esla que pasaba diante da miña casa, á súa auga negra do po do carbón de hulla que lavaba, cando pasaban moito tempo os lavadoiros en marcha, os Barbos, peixes parecidos ás troitas, intoxicábanse e flotaban ca barriga pra riba case mortos. Daquela, ninguén se preocupaba da natureza nin se pedían responsabilidades a ninguén.
Lembro á parella da garda civil facendo a pe os cinco quilómetros que nos separaban da mina, só algunha bicicleta circulaba, ¡sempre te paraban! Quizá porque se aburrían do seu traballo, ou quizá, porque gustaban de facerse ver. Non era respecto, era medo o que eu sentía cando ó lonxe os vía, un a cada lado da estrada; levantaban as mans en sinal de -alto- comezaban a tremer as pernas, e ata o freo se resistía a parar.
Os longos paseos á montaña: cando ía co colexio, en formación militar cantando o - Cara al sol, cando en cuadrilla cos amigos, choutando de pedra en pedra, ou tirando pedras ós paxaros; todo alegría, despreocupación e xogo, despois... ¡cantas cousas recordamos!
