Ese pecado  que é considerado venial por a maioría ( a corrupción) non é igual en tódolos lugares do territorio español, en Galicia que é o que máis coñezo, non só non se considera venial, senón que é considerado (normal) en moitas comunidades, entre elas, as dos gandeiros e mariñeiros, que nalgún momento non lonxano, foron as mais importantes dentro da economía do noso país. Coñecido de todos era o refrán: o que non rouba nin fode, é por que non pode.

Entre gandeiros que é o que mais coñezo, por ser do interior, non soamente era considerado normal a picaresca, senón que se formaban pequenas mafias de profesionais, pra mellor engaiolar ou (timar) ó comprador, que na maioría dos casos era o mais pobre. Cando vían ó paisano interesado no animal en venta, achegábase un e gritaba dende lonxe: dásma no que che mandei ho! O outro dicía que non, que valía moito mais, así ían achegándose a un prezo elevado, ata que quedaban por cen pesos. Ía o paisano dándoas de espaviádo ofrecendo vinte pesos menos, e levando a vaca mais cara da feira, despois, repartíanse ganancias e ríase a escachar.

Foron cambiando os tempos e fóronse acabando as feiras de gando, pero a idea segue latente. Ninguén o di, pero todos o coñecen. Cando un alcalde destes pequenos concellos da unha obra a un construtor, sabe que algo recibirá a cambio, ¡porque sempre foi así!

Dicía un refrán: o que rouba a un ladrón, ten cen anos de perdón: Segue vixente a idea de que o ladrón é, o estado. Ese ente que non ten personalidade propia,  que malgasta os nosos diñeiros, e que soamente   serve pra dar subvencións.