os muros
libre de muros, de xenreiras e vaidades, só ti, amigo gato
Hoxe, cúmprese o vinte aniversario da caída do muro da vergonza, aquel que separaba non só a Europa, senón, e isto é mais importante, as persoas e as ideas. Hai poucos días, escribía neste espazo sobre os muros, uns que caeron, e outros que se levantan- Estados unidos e México- Palestina e Israel, muros físicos que separan a familias e amigos, e que afondan mais na xenreira entre humanos.
Hoxe, quérome referir aos outros muros, ós muros das ideas, das diferenzas, dos intereses. Eses muros tan difíciles de derribar, muros virtuais baseados na cor da pel ou no lugar de nacenza. Muros entre xitanos e paios, entre católicos e agnósticos, entre pobres e ricos, entre militantes de diferentes partidos políticos, entre persoas da mesma especie que habitan o mesmo planeta, que padecen as mesmas enfermidades, a mesma morte.
Muros, que tódalas confesións relixiosas da terra, levantaron e aumentaron pra mellor vender ó seu deus. Todas predican a pobreza e visten mantóns de seda. Todas falan da humildade dende tribunas forradas de ouro. De caridade e igualdade co bandullo cheo. Filósofos, pensadores e ideólogos que falan da igualdade universal como norma, e viven afastados do mundo que os rodea pra non se contaminar. Políticos que pregoan a igualdade e aumentan os haberes mentres o pobo pasa fame. Muros que pasarán séculos antes de que desaparezan.


sony dijo
Boa tarde!
É certo todo o que dis dos muros e as súas consecuencias, pois parece que o vivido no de Alemaña non nos serviu de aprendizaxe e temos que repetir á experiencia unha e outra vez sen sacar nada en limpo de iso e, coma atrapados no tempo marcamos á circunferencia dun cero inmenso que son os pobos e a cultura. Non é xusto o muro que separa israelís e palestinos, como non o foi o das dúas alemanias o único que fai é destruir, engullir ó mais débil.
O outro día mirei un documental sobre ás alemanias e, non sei nunca estíven alí, pero pensei que estaba a ver unha reportaxe de Croacia ou calquera das Repúblicas ex-soviéticas, liberdade conseguiron pero parece ser un lavado de cara, rompeuse un muro pero ergueuse o peor muro invisible que podía existir: o da diferencia e a indiferencia.
Parece que a túa gatiña pasea con moita elegancia polos muros de queixa!
Bicos.
11 Noviembre 2009 | 05:49 PM