Chegou o frío polar tinguindo os campos de branco, frío natural e beneficioso para manter a raia virus e bacterias, pero non é este o peor frío, o que se combate con calzóns de manga larga e un grolo da boa augardente, non,o frío que fai tremer o corpo, o que nos encolle a alma, e outro, é, o frío das inxustizas, das barbaridades soberanistas, das intransixencias marroquís, da falla de apoios ó noso país cando se trata de escoller entre a amizade e os intereses.
Frío que fire nas veas, cando nos presentan as imaxes dun home medio soterrado, e como outros semellantes o matan a pedradas por ter relacións sexuais fora do matrimonio. O mesmo país que os Estados Unidos se fixo cargo do oitenta por cen dos novos pozos petrolíferos.
Frío, cando os nosos representantes políticos se botan os trastes á cabeza, entanto que xente coma nos, son empurrados por a crise a durmir nos seus coches. Frío de impotencia, ante uns empresarios que por corazón ten ó dólar, que despois de provocar unha crise có afán de aumentar os dividendos a calquera prezo, queren saír airosos a costa dos que menos poden defenderse.
Estes son os fríos que nos sublevan, que dan escalofríos, que fan menos agarimosas unhas festas de calor humano. Podemos esquecernos de todo e disfrutar da fartura do Nadal, podemos con dous grolos esquecer tódalas miserias que rodean e, vivir que son dous días, pero no mais fondo de nos, quedará o amargo sabor do frío da inxustiza, ese frío.

Escribe un comentario
Los comentarios están cerrados