Feliz volta a casa AMINETU
Pronto será fin de ano, pronto remataremos un ano de crise, quizá, o peor ano de crise na historia recente. Longo ano cheo de avatares, de trifulcas políticas, de cambios de presidente na nosa comunidade. Un evento que parecía importante cando ós catro ventos se transmitía a idea de cambio, un cambio para todos os galegos, se nos dicía, un cambio na política económica, de gastos, de inversións e de aforro, cambio que nunca chegou. Todo segue igual, segue sendo Galicia a última comunidade española na renda per cápita, Ourense a derradeira provincia de Galicia e que mais postos de traballo perde, e os ourensáns os que perciben os soldos mais baixos, fraco favor, ruín cambio o noso.
Un ano de penurias para moitos, sobre todo, para os que perderon o posto de traballo e ten mais de corenta anos, ou para os que saíron da universidade cheos de proxectos de futuro e se atopan ca crúa realidade, aquela que nada ten que ver cos ideais soñados, coas folgas multitudinarias en contra da nova lei (Bolonia.)
Un ano, que mil palestinos non puideron disfrutar porque eran mais débiles, a maioría nenos, e porque o presidente Buhs miraba a outro lado. Era o día cinco de xaneiro cando Europa comezaba a mover a diplomacia en favor da paz en Oriente medio, unha paz que nunca chegou. Novo presidente en Euskadi, nova etapa política por a que ninguén apostaba un real. Terremoto en Italia que deixa douscentos mortos e moitos feridos. Eleccións ó parlamento europeo.Unha alegría futbolística, o Barsa acada o campionato de Europa. E a mais importante, un novo presidente nos Estados Unidos. Estas noticias, xunto coa remodelación do goberno, o apreixamento de dous barcos españois en augas de Somalia, e a folga de fame da activista Saharauí, conforman o resume dun ano marcado por unha inaceptable violencia de xénero que todos rexeitamos, a caída dunha economía baseada na especulacións, que deixa catro millóns de parados e unha devida na economía do país de difícil solución.
Agora cambiamos de díxito, un nove por un dez. Oxalá que este novo ano que comeza coa presidencia española da Unión Europea, sexa o preludio dunha nova etapa chea de ilusións, de esperanza dun mundo mais xusto, mais humano e comprometido co medio ambiente. Pidámosllo a Santa Claus por ser o primeiro en chegar, e que por unha vez non se nos tache de conformistas, de ser pobres pedindo. Unha vez mais,FELICES FESTAS

Escribe un comentario
Los comentarios están cerrados