fermoso camiño

Virán a pesar de todo, virán, porque ademais de magos, que o son, tamén son -majetes. Ano tras ano vendo como cambia o mundo, como o ouro eclipsa ó incenso, á mirra. Vendo sorrir  á inxustiza social, florecer á diferenza entre humanos. Vendo, como a pesar dos esforzos que ano tras ano fan na longa camiñada ata os nosos sentimentos, aumenta a desigualdade, a intransixencia cara ós diferentes. Vendo, como unha nova torre de babel de mais de oitocentos metros, se levanta arrogante cara ó ceo, mentres milleiros de persoas pasan a engrosar a ringleira dos - sen teito. Como nalgunhas casas se amontoan xoguetes, mentres que nos seus lugares de orixe os nenos  xogan coas armas de verdade, coas que matan.

Este ano non pedirei nada pra min, pedirei o mesmo para todos, pedirei sentido. Sentido de goberno para ós que teñen a responsabilidade de capitanear esta nave. Sentido da responsabilidade ós que mañá serán capitáns, que pensen, que lles gustaría dos demais cando a crise aprema, e que actúen en consecuencia. Sentido da decencia para os banqueiros, os poderosos. Sentido do deber para os empresarios que ganan un chisco menos, que entendan, que a xente que traballa na empresa son persoas. E pra todos, sentido común, ese que nos marca o límite das nosas posibilidades, ese que nos di  : que ninguén semente mais patacas das que pode sachar.

Despois, cando amañeza un novo día de ilusión, que a ninguén lle falte ese bico cariñoso, esa aperta amiga que todos necesitamos, ese regalo que supera canto de material hai na terra,- a amizade verdadeira- esa que dende este recuncho mando a tódolos que durante o ano pasado, pasaron por esta páxina deixando algo de si, a todos, felices reis.