o ceo de todos

 

Fuches país de católicos por a graza de deus, vertiches a sangue dos teus fillos por defender a única verdade creando moreas de mártires, de santos e santas defensores da fe verdadeira. Agora que cambiaron as tornas, que as persoas adquiriron o dereito da liberdade relixiosa e poden pensar sen ser reos das santas leis, algo che remorde na vella conciencia cando outros deuses se pasean nas túas rúas.

Como influenciado por herdanza galega, queres e non queres. Queres unha liberdade plena cando todo segue igual, cando os símbolos relixiosos que se pasean en forma de cruces, medallas e escapularios, son herdanza da sempre presente e poderosa igrexa católica. Non queres, cando eses símbolos forman parte doutras costumes, doutros deuses que un día perseguiches e condenaches por herexía.

Sei, que non é doado esquecer, sobre todo, cando esa liberdade que te impuxeches custou moreas de sacrificios. Unha cruzada que durou setecentos anos e milleiros de mortos. Pero iso pasou, o mundo rexese por unha palabra que tamén custou sacrificios- moitos sacrificios- democracia.

Tes que entender- pobo meu- que cando se loita por un dereito tan esencial como é, liberdade, se esa liberdade, ese dereito non abarca a tódolos que son nados no teu seno, ou moradores da mesma terra, perde todo o valor. Porque a liberdade hai que entendela como aquel político francés, que despois de ser acusado de antidemocrático dixo: daría a miña vida para que vostede puidera dicir a súa verdade, aínda que non podo compartila: iso é liberdade, cando abarca a todos a pesar das diferenzas.

Pensa - pobo meu- que as diferenzas enriquecen, que ser xitano, romano ou marroquí, non é peor que ser nado en Ourense. O que fai bos e malos non é o lugar de nacenza, senón, a falta de cultura pra entender e comprender as diferenzas -pobo meu.