dura inmensidade
Parece que foi onte cando as xentes de Queixa saían cara a Castela a ganar catro pesetas segando no trigo. Duro traballo que comezaba nos primeiros días de Xuño, e remataba na Santa Mariña, cando comezaba a seitura do centeo que cubría estas serras, hoxe libres da intervención humana.
Alto da Pá se chama o cumio mais alto desta serra. No pequeno val que se atopa sobre o pobo- chamado A Lamadradeira- pasei dúas semanas dos meus dezaseis anos cavando cunha aixada pra facer o que chamaban- Seara. Era un duro traballo de arraigar as xestas con aixada e dar volta á dura terra, pra no mes de outono prenderlle fogo e sementar o centeo no setembro.
Hoxe, son os piñeiros os chamados a suplir o abandono dos lugares mais altos. Camparán algún día dando color á serra, e axudando a borrar a memoria dos avós e ós sacrificios que supuñan sobrevivir nestes lugares.
Mentres tanto, Seguiremos os -catro ociosos de sempre - camiñando nas ladeiras floridas desta fermosa e dura serra. Dura na subida, pero agradecida cando se chega ó cumio e se sente a verdadeira liberdade, esa liberdade que da sentirse parte da natureza mais fermosa e mais salvaxe.
Sen esquecer que- foi onte - cando outra forma de vivir -hoxe esquecida- enchía estes lugares coa risa sinxela dunha xuventude que loitaba por mellorar, se o conseguimos ou non, perde importancia ante tanta inmensidade.

Precioso. Te añado a favoritos. Enhorabuena.
Querido queixa acabo de dedicarte un post miralo
espero que te guste
bicos