lugares con encanto e con história

Cando o cabelo comeza a se tinguir ca cor da cinza, parecería xusto que o coñecemento fose adquirindo certa experiencia por os anos vividos, pero non, solo podemos por en valor o filosófico dito: solo sei que non sei nada.

Nada, cando despois de ter asumido certos ditos como- ata o corenta de maio non quites o saio- ou, en maio aínda a vella queima o tallo- aparecen días coma este despois do corenta e un de maio. Días, que ninguén sería quen de por no calendario, de xustificar a súa negrura durante corenta e oito oras coma é o caso deste e outros días que nos fan dubidar.

Algo está a fallar, algo necesita algún que outro retoque para adaptalo ó cambio que se está a producir nesta, e moitas outras facetas da vida que nos custa entender e asimilar. Quizá, cambiaron tódalas cousas que noutrora nos fixeron sentir seguros, necesarios ou ata imprescindibles. Quizá, este non sexa o noso tempo.

Gobernos de esquerdas propoñendo a reforma laboral que resta dereitos aos traballadores, despois de pregoar aos catro ventos que nunca seríamos os que pagáramos a crise que outros iniciaron. Partidos políticos de dereitas que se erguen en defensores dos oprimidos, dos mesmos oprimidos que eles axudaron a crear, co beneplácito da igrexa católica, para mellor vivir.

Algo falla, e nos, os que vivimos tempos de loitas, que deixamos parte da nosa xuventude procurando un mundo mais xusto para os que a sorte nos fixo - asalariados- vivimos estes momentos como cabra no deserto, perdidos ante tanto cambio, pensando, que quizá sexa o tempo, este tempo carente de lóxica, o que está a virar o sentido dun mundo que pensábamos coherente a unhas ideas universalmente establecidas.

 Que ninguén se estrañe cando a algunha que outra persoa maior se lle escoite dicir:  xa non chove como chovía..