De nada serviría tanta beleza,tanta inmensidade, se non fose vivida e contemplada polo ollo humano, pero unida a este prodixio de natureza, vai   a vida de moitos homes e mulleres que a percorreron e percorren, uns, por a necesidade de sobrevivir nun lugar tan ó límite, outros, por diferentes motivos e situacións.

Na nosa Galicia, unido sempre á falla de recursos ou ás circunstancias políticas do momento, cando non ó despotismo dos asoballadores mandatarios, persoas coma nos, houberon de fuxir lonxe dos lugares habitados pra sobrevivir ás inxustizas ou á fame.

 Persoeiros entre a realidade e a ficción como Pepa a loba por terras de Lugo, reais como Faucellas por Pontevedra, ou Mario de Langullo por estes lugares, foron testemuña da dureza da vida nestes cumios, e dos agarimosos vales  en días de duro inverno. Fronteira natural entre España e Portugal, foron camiño seguro á emigración obrigada dos perdedores dunha guerra civil. Dos  contrabandistas que dende o país veciño fuxían da garda civil en días de néboa, ou das fazañas do admirado e temido lobo.

Hoxe dorme a longa noite dos esquecidos, algún que outro estudoso das formacións xeolóxicas ou botánicas, ou alguén coma min que ademais de ter moito tempo libre, ve en cada cavorco angosto a pegada do home no seu camiñar ao longo da historia desta fermosa terra nosa.