De seguro, era inverno cando naceu, tres anos antes xa nacera un irmán; fermosa nena, dixeron as veciñas, coa súa cariña de boneca, grosos beizos pra mellor prender o pequeno pezón da amante teta que a mantiña, as manciñas pequenas prendían no cabelo da nai que colgaba ata o ombreiro, era inverno e facía frío, pero a calor do fogar, mais o amor dunha familia, mantíñana na xusta temperatura.
Isto pensaba eu, escoitando a lonxana e triste historia, que con pausado acento, nos ía relatando esta prima da miña compañeira. E pasaron os anos, trece contaba cando a nai comezou a se atopar mal, chamaron ó cura que lle administrou os sacramentos esperando o milagre tan necesario, poucos anos facía que os abandonara o pai, unha gripe traidora levárao pra sempre. Non chegou o milagre, foi perdendo folgos ata quedar murchiña, case seca coma aquel inverno, ata que se foi. Quizá, loitou por fuxir deste mundo e atoparse co compañeiro que quería e votaba en falta, e foise con el. Quizá pensou que xa non a necesitaban, que trece e dezaseis anos eran dabondo pra sobrevivir naquel pobo agochado por a enorme montaña, lonxe de calquera lugar. Quizá rezou por non ter que abandonar aos seus meniños, ou que o seu cuñado os acollería como fillos, quen sabe.
Trabucouse, houberon de loitar contra a fame, contra a falla da experiencia que separa aos nenos dos maiores, contra a soidade dunha casa valeira onde cada recuncho ten sabor á nai, contra a impotencia das inxustizas que houberon de aturar por non ser grandes, quizá, pra redimir un pecado, o de ter perdido o mellor que tiñan,á nai.
É pasaron os días, e os anos, e foron collendo a experiencia necesaria pra sobrevivir nun duro medio, e ata conseguiron esquecer a dor e tratar de ti á soidade, e viñeron os primeiros amores. Namentres, a vella enciclopedia máis as poucas clases ás que puideron asistir, foron ensinándolles o necesario pra comprender o mundo que habitaban, dando resposta a tantos porqués, preparándoos pra única vida posible naquel lugar, lugar que ela, a nena das pequenas mans, nunca abandonaría.
Setenta e sete anos contaba á sazón , a experiencia, xunto á herdanza da longa familia, déralle aquel carácter repousado, tranquilo, que irradiaba paz en cada palabra que ía dicindo; e así nos foi narrando á compañeira e a min a súa odisea, sen ningún rancor, agradecendo cada axuda recibida dalgunha veciña que nalgún momento lle deu un consello. Escoitándoa, fun imaxinado cada día dos longos anos ata chegar alí, a aquel comedor onde os alimentos repousaban, cada bagoa vertida nos custosos camiños de pedra, despois, acompañándonos ata o coche que deixáramos baixo a sombra dos centenarios castaños, falounos das fillas, dos netos que algunha vez os viñan visitar, das familias que había sesenta anos que non vía, porque houberon partir cara ó Brasil, e que tanto lle gustaría abrazar.

Hola amigos.
Cuanto me encantan las historias, desde pequeña siempre
las escuchaba con atención y se eran escritas queria leer de
una sola vez. Me ha gustado la manera como pintaste la señora,
casi la puedo veer caminando por las calles de su pueblo.
Saludos de todos para todos.