recunchos do meu pobo
A ti, vello arado amigo, compañeiro de suores e fatigas sen fin. Quero hoxe facer un alto no meu camiño e dedicarche un agarimoso recordo.Nunca fuches Romano, sempre fuches galego. Ti, feito das árbores mais emblemáticas da terra nosa; carballo na rabela e nas abeacas, bidueiro no temón e uz na chavella, es galego igual ca min. Da Galicia mais humilde, mais enxebre. Desa Galicia do interior esquecida dos gobernantes de dentro e mais de fora.
A túa historia é a nosa historia.- Cando as eleccións son chegadas, cando temos algo que aportar a alguén, temos amigos, compañeiros e ata somos ben parecidos. Tamén ti vello amigo, cando os tempos eran de estreiteces, tamén eras fermoso. Cando a man do labrego te sentía forte, cando a túa rella fendía a dura terra das leiras en Queixa, eras a ferramenta amiga.¡como cambian os tempos! Cando chegou a fartura de pan branco cocido nos fornos industriais con lévedo artificial, cando as patacas deixaron de ser o manxar galego deixando paso á graxenta pizza, tamén -igual ca nos- fuches esquecido pasando de rei a vasalo, de ferramenta amiga a pau de lume. Peza de museo vista por as novas xeracións como -vello carroza inútil- portador de miserias.
Quero arranxar a inxustiza cometida contra ti, recordando outros tempos onde fuches glorioso, e si a historia cambiante te esqueceu en favor da modernidade, alguén coma min, nalgún lugar, te recordara como compañeiro unido á nosa xuventude, e coma min, reivindicará o teu nome como galego, oriúndo de queixa. ¡Non romano!.
Despois de dous anos escribindo- algunhas cousas miñas- neste recuncho, quero recordar algún dos escritos que máis me gustan. Por iso, de cando en vez, aparecerá algún que outro repetido, como é o caso.

Me gusta todo de su article.Well hecho.*