recunchos do meu pobo 

 

 Fun acadando anos ao longo da miña vida ata encher o enferruxado caldeiro onde os gardo; cheo ata o borde agora, non atopo lugar onde encaixar este que mañá remata. Quixen alugalo , vendelo  e ata regalalo  sen atopar ninguén interesado neste fermoso ano dous mil dez.

Cúlpome, de haber pecado de avaricia, cumprindo cada un dos moitos que agora atesouro, e comezo pagando o meu pecado cada vez que intento levantar o cu do escano, mover o pescozo ou camiñar máis alá dun tiro de pedra.

Ano bo este  pra os  que despois de loitar cada minuto en prol de acadar o esquivo poder que tanto desexaban,  rematarán o presente ano votando contas do ben que lles foi sen facer nada, e dos anos felices que os esperan facendo menos. Nos, con  ou sen moitos anos, darémoslle-la despedida na espera de que o próximo sexa mellor en tódolos aspectos, incluíndo o económico.

Feliz ano vello pra tódolos habitantes da terra menos pra uns, aqueles que podendo facer algo en favor dos que están pasando un mal momento, torcen a cara pra non ver,   pechan os ollos, ou sorrín pensando no ben que lles irá aproveitándose da miseria allea.