16 Octubre 2008

O ESCANO

Ollando cara o lume, falaba co vello escano desgastado por o tempo; e escoitando a súa conversa semellaba non estar so . Era unha conversa entre amigos, vellos amigos que viviran momentos doces e tristes e que hoxe se facían compañía na mais absoluta das soidades.

¿ Recordas vello amigo  cando te vin por primeira vez? Era eu case que un neno cheo de medos e baleiro de experiencias cando me atrevín a entrar nesta casa. Foi ela, a nosa amiga, a que me convidou e me deu forza pra enfrontarme aos seus pais. Non sei que cara debín poñer ó entrar, pero vendo como se rían estou seguro que se notaba en min o temor, so cando me sentei sentín algo de alivio, e ti xa estabas no mesmo lugar.

¡Cantos anos pasaron e cantas historias compartidas! Si, recórdoo ben, ti fuches o testiño do primeiro bico, e tamén do seu derradeiro alento. A vida sen ela vai ser un pouco triste, pero téñote a ti vello amigo. Ei ser eu o que te deixe, e cando iso ocorra, tamén ficaras só no medio destas ruínas, porque, ¡sabes unha cousa! Nos, somos os derradeiros habitantes deste lugar, e cando xa non estéamos, acabouse amigo.

Sempre lle gustara analizar as cousas e sabia que ían ser así, que un día tiñan que finar  e que difícil sería ir xuntos. Pero tódalas ensinanzas, as fermosas palabras dos amigos ou o entendemento, non podían mitigar en nada a falla da compañeira de toda a vida. Moitas veces o falaran nos últimos tempos. Ata semellaba como se ela soubese que ía marchar primeiro e quixera facerlle entender que tiña que ser así, que tiña que seguir só ata que chegase o seu momento, que non se podía render porque el era un loitador, un home que sempre se enfrontara á vida.

O lume íase apagando mentres a noite pasaba e o vello debullaba os recordos falando co escano, mentres que este, como alguén que coñece os segredos da vida e da morte, escoitaba quedo, como se co seu silencio quixera respectar a dor que saía daquel corpo encurvado. E a noite ía pasando, parola vai e parola ben. Cando chegou a luz do novo día xa o lume morrera, o silencio era absoluto,e a estampa que se ofrecía do mais entenrecedor. Cuberto ca roída chaqueta de pana, deitado no escano de madeira descasaba pa sempre o vello patrón. Inexpresiva a faciana e os ollos abertos, como se nunca deixara de falar co escano.

                                               comentario 

Outro dos meus antigos escritos que hoxe retomo pra vos ofrecer, non por o contido literario que non ten, senón, por unha estampa que recordo con cariño: un escano de grosa madeira nunha cociña terrea chea de fume, e un vello patrón deitado que se ergueu pra me saudar e me dixo: gústame durmir a sesta no escano que é coma da familia, nel pasou os derradeiros anos a miña amiga, e tamén pasarán os meus.