recunchos do meu pobo

 Tan absorbente é esta sociedade de consumo desmesurado, que nos nega calquera momento de reflexión serena pra tan sequera formular  as preguntas básicas, a  filosofía  que nos atinxe  como seres humanos  libres. Que lugar ocupamos neste mundo, qué esperamos del, qué queremos facer coa nosa vida, co noso tempo.

 Sociedade que rouba o mellor do ser humano en favor dun hipotecado benestar, que esquece  canto de bo hai  neste fermoso planeta.Unha bioloxía tan variada e fermosa que poderíamos pasar media vida admirándoa. O espectáculo máis grande  e fermoso sen custo algún- un ceo repleto de galaxias, de planetas e estrelas que forman unha inmensidade difícil de imaxinar.Sociedade que nos forma pra competir, pra loitar por un posto superior que nos roubará a tranquilidade a cambio dun lugar que será- se non o sabemos administrar- a nosa cadea perpetua.

Pouco lugar queda nesta sociedade materialista para a  tan necesaria ética, aquela que nos faga sentir parte dunha humanidade ateigada de "milagres" de xente coma nos que son únicos, que se quitamos catro miudezas froito do diferente medio que nos tocou en sorte, poderíamos dicir que somos xemelgos  sen lugar a trabucarnos. Cada día que pasamos extresados, coa xenreira que provoca a competencia por un anaco de espazo, será un día perdido, roubado por unha cultura imposta de- tanto tes,tanto vales.

País rico- nos din- porque a riqueza se mide en propiedades, porque son a cantidade de aparellos eléctricos e informáticos os que conforman a materialista e desalmada estatística. É esta a sociedade que os mellores filósofos, ideólogos e humanistas soñaron? Creo que non, que necesitamos replantearnos cales son as verdadeiras necesidades, e conseguir unha sociedade que garanta uns mínimos pra todos e que ensine os verdadeiros valores, aqueles que nos acerquen á tan necesaria irmandade. Digo..