recunchos do meu pobo

 

Mentres no aparello soa a melancólica música dos autores italianos que dominaron os sesenta, un recordo de emocionada liberdade me achega aos que hoxe, noutros lugares, loitan por conseguir uns dereitos que nunca deberon perder. Quizá por que un día, ao son desta música,  soñabamos   co fin dunha represión que pretendía dividir en clases a unha sociedade famenta de liberdade,  nos sentimos mais preto dos que neste momento saen a rúa en busca dos dereitos universais de todo humano.

Oxalá que este movemento cidadán, sexa o derradeiro suspiro de tódolos ditadores que aproveitando a chamada- guerra fría- se instalaron na poltrona do poder, apoiados por este occidente temeroso dun descoñecido- Islam- que mestura relixión con terrorismo. Un occidente temeroso de todo o descoñecido, dominado por ansias económicas e de poder, que a pesares de pregoar os dereitos humanos para todos, axudaron a manterse no poder a uns desalmados dirixentes a cambio dunha pretendida seguridade.

Quero pensar, que asistimos á derradeira revolución, que despois da caída do chamado, telón de aceiro, do muro de Berlín; da revolución informática que nos achegou ó resto do mundo, camiñemos cara ese mundo que é o natural. Un mundo, onde os dirixentes estean ó servizo da cidadanía. Onde todos nos sintamos habitantes dunha  terra que nos pertence por igual.