Moito levo pensado e escrito sobre a soidade, quizá, porque me da arrepío pensar nun futuro onde os únicos veciños sexan gatos, onde haxa que viaxar lonxe pra ver outro animal da mesma especie. Será fobia ou alerxia, ou quizá, o medo que sentimos fronte a inmensidade, non o sei.
Hai un trepidante ritmo nas grandes urbes que ten sabor a vida, á salvaxe loita do cotiá. Un son de fondo que asemella un forte e bravo mar. Un run- run- dun trafico sen fin ó que rematamos acostumándonos e case esquecéndonos. Trens, metros e avións que roxen e contaminan, marabunta humana que asemella un enorme formigueiro que xamais se detén. E aínda así, é mais duro o silencio con sabor a soidade.
Cando despois do cansado ascenso chegamos ao cumio mais alto e pousamos a vista na valeira inmensidade, moreas de sensacións nos invaden o mesmo tempo. Unha fermosa natureza na que descansar, unha liberdade que produce un vértigo semellante á contemplación dunha lonxana galaxia. Á sensación de naufrago nun mar sen horizonte. Pero o que máis arrepía a pel e fai latexar con mais forza o corazón é, a sensación da absoluta soidade, a fraxilidade do ser humano cando se alonxa do seu entorno natural, aquel pro que a nai natureza nos preparou ó longo de milleiros de anos.
Somos animais sociais, gregarios. Necesitamos sentirnos arroupados por outros semellantes, e aínda que a competitiva e inxusta cidade nos maltrate co seu eterno ruído, non estamos configurados pro absoluto silencio, necesitamos atopar xente no lugar onde entremos, sexa bar, comedor ou igrexa, como di o refrán- ata no inferno é bo un amigo.
Ata nos, achéganse xentes de Vigo, Coruña, e outros lugares nos que se senten presos, cando se atopan cos grande espazos baleiros, séntense na gloria, cambian o sorriso e ata se transforman; falan da sorte que temos e atrévense a dicir: quedaríame pra sempre: cando pasan dúas semanas, aínda que non o digan, pésalles mais o silencio co ruído do abafante trafico no que están condenados a vivir.

Escribe un comentario
Los comentarios están cerrados