centenarios  

Dígoo, porque o sei, que nas noites de inverno, cando o vento zoa nas fragas máis profundas dos montes galegos, tódolos espíritos dos que deixaron este mundo de maneira traumática, e que vagan na compaña da endiañada dona da gadaña,   descansan entre as gallas dos enormes carballos, donos absolutos das fragas.

Dígoo, porque un día, cando os fiadeiros eran o único esparcemento e descanso das fatigas labregas, e os contos de aparicións do outro mundo estaban á orde do día, ríase o que hoxe escribe escoitando os terroríficos contos de bruxas, almas en pena e diaños burlóns que escachaban de risa despois da trasnada de turno.

Un día, do mes de novembro de fai moreas de anos, gardaba as vacas preto dun río onde os bidueiros campaban. Alí, na máis alta daquelas fermosas árbores de branco tronco, vixiaba eu a vacada ó tempo que sentía a seguridade ante o terrible lobo. Unha noitiña, cando pasaba preto daquel bidueiro, vin como a máis grande das gallas se partía e comezaba a caer cara min, corrín o máis rápido que puiden pra non ser atrapado por aquel enorme tronco.

Era de noite, pero vin e sentín como caía no chan cun gran estoupido. Conteino na casa, e a todos pareceu raro porque tan sequera facía vento. Ó seguinte día,  fun á mesma hora por saber   como quedara a miña árbore. Todo estaba como sempre, a árbore seguía alí, dona absoluta daquel entorno escuro, a galla onde eu pasaba o tempo, tamén seguía no mesmo lugar. foi tal o medo que sentín, que un arrepío percorreu o meu pequeno corpo. Corrín ata albiscar ó lonxe as primeiras luces das casas, e estou seguro, de que a arbore máis os seus moradores nocturnos, riron ás gargalladas dun medoso cativo que era eu, e que nunca máis subiría a unha árbore,  e menos a un bidueiro.

Dende aquela, cando paso baixo estes enormes carballos, non podo deixar de mirar cara riba, porque sei, que no lusco fusco das tardes invernais e cando o vento zoa, outros moradores invisibles vixían os fondos camiños das fragas.