Xa nada é como antes! Me dixo aquel home. Eu escoitábao porque os noventa e moitos anos que vivira, dábanlle o dereito a ser escoitado; e foi así, como naquela tarde desapacible, naquel pobo de montaña, escoitei aquel conto. Non sei se sería tal como el recordaba, pero vendo a paixón que puña no relato, non fun quen abrir a boca. A cousa comezou así, dicíndome que nada era coma antes.
Recordo. Dixo. Cando a xente tiña máis respeto ás cousas do outro mundo, porque agora tratan a deus de ti, e á virxe de María Manuela. O caso é, que houbo un tempo en que- e non te rías que isto é serio- andaban entre nos os chamados lobos dos homes, pra min, que eran froito dalgunha maldición, xa sei que os de agora non credes nesas cousas, pero vouche contar algo que vin con estes ollos.
Vivía daquela entre nos, un cura que era moi rezador e moi bo cazador, unha tarde de inverno, fun eu a tornar a auga aos lameiros -dimbaixo- e cando estaba na caldeira furgando na terra, vin diante de min a un daqueles lobos dos homes, metín o cu contra a parede e esperei a que viñera, sabía que nada podía facer contra el, pero estaba disposto a loitar. Moito tempo estibemos así, el nos se atrevía a min, e eu non era quen de dar un paso.
Sentín un berro e mirei cara alí, e velaí que era o noso crego coa escopeta ó lombo. O lobo saíu como alma que leva o diaño e eu levei a alegría da miña vida. De volta á casa, íalle eu contando o medo que levara cando me dixo: non te preocupes, que este non te há asustar máis, como me viu preocupado pola resposta, díxome: ven canda min e xa verás.
Chegamos á casa e abriu unha ventá, puxo a escopeta na parede e comezou a pregar, ó pouco apuntou cara o ceo e fixo un disparo, pro outro día, apareceu o lobo morto na serra. Chegando aquí, un fillo que tamén escoitaba díxolle: pero papá, como puido matar ó lobo se tiña unha serra no medio: a iso me refería, a que agora non credes nada: dixo o home: pero tes que saber, que a que matou ó lobo era unha bala bendita.

como me gustan estas historia!!! si realmente pasou, seguro que ten unha explicación loxiga, estaría ben dar con ela.
Un abrazo
Hola ALGUEN, alégrome que atoparas o tranganillo de comentar porque me gustan os teus comentarios. A lóxica nestes casos é difícil de atopar, pero o home morreu crendo na -bala vendita.
Un abrazo