recunchos do meu pobo 

 

Sei que vivín, porque recordo pobos sen electricidade, sen auga nin baño. Recordo lumes no chan, ganado e xente na mesma vivenda, aproveitamento ó límite do chan de labradío, liortas por unhas augas de rega. Asistín ó progreso que cambiou este lugar ata deixalo irrecoñecible.

Agora, asisto ó abandono total, á desfeita dunha época, dun tempo. Vexo saír bagoas da terra pola perda  dun amigo, dun namorado do natural -o labrego- o home que  foi derrotado pola imparable historia que todo o muda; tanto, que este medio no que escribo e que onte era a modernidade, logo será historia en fabor dos chamados - medios sociais. Nada se mantén, ata o tempo fuxe levando canda el o pouco que parecía inmutable, as ideas.

 Pasamos moito tempo das nosas vidas construíndo algo onde sentirnos seguros, pero ata a terra trema ante tanta -modernidade. Aqueles homes que foron o noso referente, van caendo derrotados por un mundo que turra por chegar, quizá, a ningures.