Suor e lágrimas custou chegar ata aquí, ata alcanzar este estado chamado-do benestar. Sacrificios e estancamento vai custar mantelo. Subimos ate acariñar o ceo coas mans, agora a caída  será equivalente á altura alcanzada. Sabémolo, somos conscientes da situación que entre todos propiciamos abusando do que non tiñamos, pero agora que toca ser moderados e ata encollidos, non é de recibo que empresas como telefónica acorden repartir beneficios ao tempo que pretenden despedir a seis mil traballadores, non é xusto. 

Algo terá que cambiar nesta sociedade acomodada e volver cara tras no pensamento, votar man das vellas ideas revolucionarias. Loitar co único medio que temos ao noso alcance que non é valadí, -deixar de consumir, ou acurtar ó mínimo o consumo deste produto- cambiarnos masivamente a outra compañía se prosperan os despidos- facerlles ver que por unha vez somos solidarios cos nosos, cos traballadores.

Sabemos, que as empresas non seguen un pensamento racional, senón o económico, o monetario. Sabemos que o libre mercado non ten alma porque está baseado no diñeiro. Sabemos, que aqueles máis preparados merecen un soldo acorde coa súa valía, e ata un incentivo, pero cando parte da poboación deste país loita por sobrevivir e empresas como esta reparten dividendos multimillonarios, non é xusto que seis mil familias pasen a depender da solidariedade colectiva, non é xusto, e algo  podemos facer.