Publicidad:
Terra
La Coctelera

ALGUNHAS COUSAS MIÑAS

EN CADA NOITE DE TORMENTA LATE UN FERMOSO AMENCER

17 Abril 2011

un conto

 

Avó, porqué non me contas un conto?

Mira fillo, os contos son os pais os que deben contalos, os avós perdemos parte da nosa alegría no camiño e de contarche algo, de seguro sería reivindicativo, falaría de inxustizas ou sería triste.

Pois cóntamo triste, fálame deses contos de inxustizas que coñeces, deses problemas laborais que tiñades cando erades novos, pero cóntame algo. Porfi.

Vale, contareiche algo con unha condición,

Vale, vale, cóntame.

Antes terás que prometerme tres cousas, primeira, que non o volverás a contar a ninguén, o que se di, a ninguén. Segunda, que unha vez que che conte este conto,  intentarás esquecelo coma se nunca o escoitaras. E terceiro, que pase o que pase, non me interromperás con preguntas ata que remate.

Vale, vale, cóntamo.

Non sen antes prometerme as tres cousas.

Prométocho avó, e cumprireino tal coma ti queres.

De acordo, sendo así, contareicho: pasou hai moitos anos isto que che vou contar,  tantos, que aínda a túa nai non nacera.

Daquela, aínda a xente andaba tirando tiros uns aos outros, morrían nenos tódolos días por falta de pan, de auga ou de menciñas das que hoxe votamos ó lixo, a xente non tiña conciencia do ben común, a auga, os espazos públicos, o aire limpo. Había probes e ricos, isto quer dicir, que algunha xente tiña de sobras, e outros, os máis, pasaban fame. Había países que estaban sometidos á forza doutros porque eran máis grades  máis fortes,   porque a política do momento facíaos interesantes ou polo feito de ter pozos de petróleo. Os que mandaban insultábanse entre eles polo poder, mentíanlle os mesmos que lle votaban e ata había quen collía diñeiro do que era de todos.

Que sorte temos avó de non nacer daquela.

Si, tes razón, tiveches moita sorte.

Pois ben, o conto, que ten moito de realidade, vai dun neno coma ti. listo coma ti, guapo coma ti, pero tivo a mala sorte de nacer nun deses países pequenos, sometidos a unhas leis impostas por outros, e que se negaban a aceptar. Estaba exiliado nun recuncho do deserto do Sahara, chamábase, ou querían eles que se chamara, República Democrática Saharauí.

Este neno, que de nome se chamaba Ahmed, con sete anos recen cumpridos, tivo que deixar ós pais, avós e amigos pra vir pasar dous meses ó noso país cunha xente que non coñecía.

Avó, pero  iso non é malo, eu tamén vou de vacacións e pásoo ben.

Certo, pero el viña porque na súa casa non lle podían dar cousas que necesitaba, cousas coma froitas ou verduras, pescado fresco ou aceite. Ademais, na súa casa esperaban que as xentes que o acollían lles mandasen cousas, cousas que eles non podían mercar.

E así comezou aquela aventura o noso amigo. Chegou xunto con outros nenos coñecidos, nenos que tiñan as mesmas necesidade que o do noso conto. Chegaron nun autobús que os foi a buscar ó aeroporto de Santiago e os trouxo ata Ourense. Viñan contentes porque canto vían lles parecía raro, diferente ó seu, e porque eran nenos e non sabían canto tempo eran dous meses.

Naquela praza onde baixaron, moreas de homes e mulleres esperaban pra recollelos, algúns xa viñeran máis veces e alegrábanse de atopar ás xentes que coñecían. O noso amigo foi quedando só, os compañeiros ían saíndo e marchando con alguén. El esperaba ollando aquelas caras, pensando, cál será deses o que me leve? Pasou o tempo e xa comezaba a ter gana de mexar, xa o estómago pedía algo de comer, pero como a súa nai lle dixera: que ninguén te vexa chorar, recorda que temos que ser máis fortes pra chegar a ter un país: intentaba manter o sorriso nos beizos, a cabeza alta, a mirada forte. Só cando lle tocou o turno e lle dixeron: irás con estes señores, pórtate ben: saíu a única bagoa que verteu naqueles dous meses.

O primeiro día  pasou deseguida; foron almorzar á casa dunha filla destes señores que vivía na cidade. Comeu galletas e leite mentres ollaba os debuxos animados que ían aparecendo na televisión, era unha televisión diferente da que coñecía, ata tiña un mando que podía cambiar as cadeas, foi fantástico o descubrimento, tanto, que esqueceu nun intre o lonxe que estaba da súa casa.

Mercaron zapatos pra el e roupa interior, pero aínda non conseguira asimilar todo aquel cambio e durmiu parte da viaxe cara á nova casa onde pasaría sesenta días.

Avó, esas cousas nunca pasaron de non ser nos contos verdade?

Claro, que eu saiba, nunca deberon pasar.

Cóntame mais cousas do neno.

Ó segundo día, foi cando comezou a ver a realidade, a darse conta da gran diferenza daquel lugar comparado co seu, foi, cando lle entrou a morriña. Falou coa súa nai por teléfono e sentiuse mellor, máis arroupado, ademais a nai prometeulle chamalo de cando en vez, e iso deulle ánimos. Coñeceu os arredores do pobo, algunha persoa, e algo que lle gustou moito, unha piscina. Nunca vira unha piscina nin tanta auga xunta, porque onde nacera, era un lugar moi seco, sen árbores, sen herba, sen auga corrente nin baño, a cambio, tiña moreas de amigos e un enorme lugar cheo de area onde xogar ó balón. A pesares de canto vía e lle ofrecían, sentía unha forte anguria que se refrexaba na faciana, unha dor interior que só os que viviron situacións parecidas poden describir. Agarrou a man do home que falaba co seu irmán,  dono da piscina, e díxolle no oído: ímonos:  a onde, preguntou o home, á casa, dixo o neno cheo de tristeza. Fóronse,  no camiño, o neno turraba polo home da man pra que andara á presa; terá gana de ir ó baño, pensaba o home ó tempo que apuraba o paso e íase iluminando a cara do neno, ó chegar, púxose o lado do teléfono esperando a chamada da nai, daquela, foi o home o que sentiu que lle apremaban o peito, porque tamén coñecía o que era estar lonxe do seu lugar, dos seus.

Que triste avó, creo que tiñas razón cando me dixeches que son os pais os que deben contar os contos. A mamá contoume unha vez dun neno que pasara un verán na súa casa, pero era divertido e dicía cousas graciosas, e seica xogaba ben á pelota.

Quedou pensativo o avó  mentres colléndose da man e lentamente camiñando dicía:  si, pode que estea trabucado, ou que  ese fose  outro conto.    

 

 

 

                                                       

servido por queixa 2 comentarios compártelo

2 comentarios · Escribe aquí tu comentario

GallegosChuslis

GallegosChuslis dijo

Encántame este conto,sobre todo porque aquí donde eu vivo,(Arteixo),veñen,ou viñan,moitos nenos do Sahara a pasar unha tempada,e, a verdade eu sempre me preguntei se merecería a pena,en tan pouco tempo,darlles cousas que logo durante todo o ano non ian ter, pero alguén díxome que pra eles o mais importante era a sua familia e o seu pais,e que isto ,simplemente o vian coma unhas vacacions.A verdade....,non sei que pensar.
Un saúdo.
Chus.

4 Julio 2011 | 11:50 PM

queixa

queixa dijo

Hola Chus, gracias por este comentario. este conto é a realidade dun neno que pasou con nos dúas tempadas de verán e que chegou con so sete anos. Deixounos unha escelente impresión dun pobo que aínda segue oprimido, do cariño entre estas familias que loitan por unha liberdade imposible de acadar, porque os intereses ten máis forza que a xustiza.
Unha aperta para todo Arteixo, un lugar fermoso

5 Julio 2011 | 08:54 AM

Escribe tu comentario


Sobre mí

Avatar de queixa

ALGUNHAS COUSAS MIÑAS

ver perfil »
contacto »

Buscar

suscríbete

Selecciona el agregador que utilices para suscribirte a este blog (también puedes obtener la URL de los feeds):

¿Qué es esto?

Crea tu blog gratis en La Coctelera