Xoves santo cristiá, días de lecer amparados nunha vella e fermosa historia. Necesitamos destas historias pra sentirnos amparados, pra pensar que alguén antes ca nos, máis importante, foi entregado á morte por amor a nos, así, cando se fai difícil aceptar algunhas realidades que nos fan dano, votar man desta enchente de amor pra sentirnos arroupados.Mentiras, din algúns. Historias  humanas baseadas nun medo antropolóxico sen superar, din outros. Ata hai quen di, que se non existiran deberíamos inventalas.

Fermosa idea cando levanta paixóns, cando forma un equipo que compite e se supera, que une a xentes dun mesmo pensamento. Vendo a tristura reflexada nas facianas dos penitentes cando a choiva lles impide ensinar ó mundo a imaxe venerada, pódese ver como algo fermoso, humano. Cando se pasa ese límite de rivalidade sa, e se maltrata o propio corpo flaxelándose, ou peor aínda, imitando ó crucificado, creo que comezamos a entrar nun radicalismo cruel, enfermo, que algo patina.

Cústanos atopar ese termo medio que leva á moderación. Gústanos pasar a liña roxa. Dantesco espectáculo de corpos sangrantes deitados no chan na procura dunha pretendida redención. Demasiadas cruces inventadas cando son suficientes as que a cada quen nos tocan de serie.