Publicidad:
La Coctelera

ALGUNHAS COUSAS MIÑAS

EN CADA NOITE DE TORMENTA LATE UN FERMOSO AMENCER

8 Octubre 2009

a xeración perdida

 día de outono en Queixa

Os pais, roubáronnos a nenez, o estado a xuventude, e a igrexa católica roubounos a liberdade, somos, a xeración perdida.

Os pais, inconscientemente quizás, coa súa adaptación ó réxime represor, ó transmitirnos unha educación represora, conseguiron sen decatarse, unha xuventude reprimida, falta de ideas, sumisa e moldeable.

O estado roubounos os dous mellores anos da xuventude ca idea da defensa nacional. Dous anos de servizo militar obrigatorio que impedía calquera proxecto de vida. Dous anos de afirmación da represión imposta por a forza das armas, da perda de personalidade ante a razón da forza.

A igrexa, que manexaba ó seu criterio a educación, conseguiu ca lei da vara, impoñer unha educación baseada no catecismo, na submisión da personalidade á verdade única. Quedando en segundo lugar, calquera sinatura que non fose a relixión.  Reprimiron cá axuda das forzas do orden, calquera manifestación  que levase implícita algo de liberdade. ¡Convertéronse en donos das nosas vidas! Moldeáronos ós pobres á forza, pa asegurar un fácil manexo das masas  obreiras.

Cren os nosos fillos, que foi unha etapa interesante, chea de riscos e segredos agochados, de loita por a liberdade. Non saben, que foi a partir dos anos oitenta, cando xa pasábamos dos trinta, cando tivemos a primeira oportunidade de aprender a nosa lingua, cando chegaron a nos os libros prohibidos que eles tiveron dende pequenos. Espero na nosa defensa, que cando a historia nos xulgue, se teña en conta unha circunstancia que creo atenuante, ¡que non se esqueza de onde vimos!.  

 

 

   

 

 

 

servido por queixa 2 comentarios compártelo

7 Octubre 2009

a noso lingua

 

Cando se escoita falar de bilingüismo, estase empurrando ó galegofalante a utilizar a lingua castelá, non ó contrario, como debería ser nun lugar onde a lingua propia sobrevive dende fai un milenio, e onde tanto sacrificio leva pagado o pobo galego por a súa supervivencia. Quizá, debéramos recordar, ou non esquecer, que foi con Henrique de Trastamára: 1367-1379: cando comezou  a loita contra a nosa lingua. Loita, que tería a máxima virulencia durante o reinado dos reis Católicos.

Ía ser no ano de mil setecentos cincuenta, tres séculos mais tarde, cando un fillo de Cerdedo: Pontevedra: o Padre Sarmiento,  comezara a defensa do noso idioma. Dende entonces, moitos ilustres fillos de Galicia levan loitado en prol da nosa cultura lingüística. Antolín Faraldo. 1823:1853: co-fundador da revista: Porvenir: que tivo que fuxir a Portugal por a súa galeguidade. Benito Viceto, escritor dunha historia de Galicia alá por o ano de mil oitocentos sesenta e cinco, onde narra as fazañas mais importantes dos fillos de Galicia. Que dicir do alento garrido de Pondal, os versos de denuncia da condición social galega, que Rosalía de Castro, Lamas Carbajal e Noriega, fixeron inmorrentes.

Magoa que os novos gobernantes esquezan tanto sacrificio! Cando pretenden a chamada normalización lingüística, non están a falar da riqueza do noso idioma, senón, de apoiar ó castelán, esquecendo que é a fala a verdadeira riqueza desta terra, a que nos distingue como pobo diferente e universal, a que nos une a tódolos nacidos neste  fermoso recuncho do mundo, e á que os novos herdeiros dos emperadores pretenden levar de novo ós séculos escuros.     

     

 

 

servido por queixa 3 comentarios compártelo

5 Octubre 2009

fascinante aventura

 

Curiosos, aventureiros e arriscados como somos, quén se atrevería a dicir non, á aventura da vida? Quén, preguntado antes de nacer, diría non a tanto suspense, tanto imprevisto e tanta sorpresa como é, a gran aventura? quén se resistiría a contemplar tanta marabilla?

Cando as cousas non van como esperamos ou desexamos, acode ese pensamento pesimista, ¡que sorte sería non ter nacido! Despois, se nos paramos un momento e analizamos todo o vivido, estamos seguros de que a decisión ante a pregunta de nacer, sería a pesar de todo, un, si quero.

Buscamos a aventura pa sentirnos vivos, pa afirmarnos na nosa fraxilidade. Escalamos montañas onde a vida é difícil, baixamos ós fondos mariños e voamos a outros mundos. Raiamos a perfección e caemos baixos, moi baixos. Todo forma parte do guión, todo pertence á mesma película, ¡á fermosa aventura de vivir!

servido por queixa 16 comentarios compártelo

29 Septiembre 2009

recordando a confucio

 

Onte, foi o aniversario do nacemento deste filósofo e humanista, que ó igual ca Xesús de Nazaret, quixo cambiar o mundo. cinco- centos cincuenta anos antes de nacer o noso fillo de deus, este pacifista percorría o seu país ensinando a gobernantes e vasalos, o balor do xusto medio, a boa conduta, a bondade como norma, a benevolencia con todos, o respecto aos maiores.

 Dous mil cincocentos sesenta anos pasaron, e seguimos necesitando un Confucio. Necesitamos ese medio ideal que predicaba aplicado aos nosos políticos cando falan, aos xoves cando se divirten, aos empresarios que pretenden achar a riqueza a conta do esforzo dos demais, ós traballadores que  buscan un traballo ben pagado sen esforzo, ós que se queixan sen razón, e os que nunca se queixan.

 Necesitamos por en valor o respecto ós ensinantes, ós maiores, ós pais que buscan o mellor por fillos, aínda que non acerten sempre. Necesitamos recordar algunha das súas máximas e polas en practica: a maior gloria non está en non caer, senón, en levantarnos cada vez que caiamos: A atención ós maiores, está en vida, despois solo queda o culto:  Necesitamos en definitiva, humanizar a sociedade comezando por nos.

 Con este humilde chino podemos chegar a unha conclusión: que os deuses non son imprescindibles. O que fai unha sociedade ideal, non é unha ou outra crenza, senón, o respecto por os demais, aínda que como dicía Robespierre, nos pareza que non ten razón. Dicía Confucio, que a ensinanza é de todos. Oxalá o vexan así os políticos que nos representan e comezan hoxe a falar da educación despolitizada.              

servido por queixa 2 comentarios compártelo

25 Septiembre 2009

nos camiños de Queixa

bosque da Quixiliña  

 

 

Os que pasamos os derradeiros trinta anos das nosas vidas neste fermoso recuncho de Galicia, somos testemuñas directas do aumento e mellora nos nosos bosques.

 Dende que chegaron os primeiros habitantes a estes lugares, foi a madeira de carballo, cas súas variantes, a encargada de manter aceso o lume nas lareiras. Só os pobos que superaban os mil douscentos metros de altitude, aproveitaban as raíces da Uz, os chamados (torgos) pa facer o fogo; os demais, ían demoucando os carballos, que en poucos anos volvían a ter leña.

Foi co aumento da demografía, alá por os anos cincuenta, cando os bosques  sufriron a mais grande presión; hectáreas de bosques arrincados en favor da agricultura e pastos pro gando. Despois, a chegada da emigración a Europa xunto ca chegada do gas Butano, deron un respiro ós castigados bosques.

Hoxe, é un pracer camiñar baixo as frondosas árbores que cobren estradas e camiños. Carballos, Amieiros e Bidueiros, Salgueiros e Freixos, Sanguiños e avelaíñas, Acebros e Piornos, Cancereixos e Padrairos cobren a maior parte de serras e vales, basta mirar a foto pa se decatar da fermosura destes camiños de Queixa.         

servido por queixa sin comentarios compártelo

23 Septiembre 2009

lembranzas

 

 

¡Cantos anos fai que existo! Penso ás veces. Sobre todo, cando recordo os meus quince anos. Lémbrome, duns compañeiros de clase que nunca volvín a ver, duns camiños de terra que percorría nunha bicicleta marca (Orbéa) feita de ferro, pesada, ruíns freos e sen luz ¡como gozaba nela!

Recordo ó río Esla que pasaba diante da miña casa, á súa auga negra do po do carbón de hulla que lavaba, cando pasaban moito tempo os lavadoiros en marcha,  os Barbos, peixes parecidos ás troitas, intoxicábanse e flotaban ca barriga pra riba case mortos.  Daquela, ninguén se preocupaba da natureza nin se pedían responsabilidades a ninguén.

Lembro á parella da garda civil facendo a pe os cinco quilómetros que nos separaban da mina, só algunha bicicleta circulaba, ¡sempre te paraban! Quizá porque se aburrían do seu traballo, ou quizá, porque gustaban de facerse ver. Non era respecto, era medo o que eu sentía cando ó lonxe os vía,  un a cada lado da estrada; levantaban as mans en sinal de -alto- comezaban a tremer as pernas, e ata o freo se resistía a parar.

Os longos paseos á montaña: cando ía co colexio, en formación militar cantando o - Cara al sol, cando en cuadrilla cos amigos, choutando de pedra en pedra, ou tirando pedras ós paxaros; todo alegría, despreocupación e xogo, despois... ¡cantas cousas recordamos!

servido por queixa sin comentarios compártelo

22 Septiembre 2009

os lumes en Galicia

 

serra de Queixa

Costa entender, porqué nesta montaña onde os habitantes que quedan son maiores de sesenta e cinco anos na meirande parte dos pobos, onde apenas queda gando e sobran pastos, quedan cabezas que prenden lume ó monte. será por ver voar estes paxaros de aceiro sobre nos? Outramente, nin ten xeito nin se entende.

Saiamos dar un paseo a carón dun fermoso regato case cuberto por a vexetación, cando vimos que comezaba a arder. Ós poucos minutos, sentimos un helicóptero de recoñecemento que nos sobrevoaba, encanto desapareceu tras da montaña, outro cargado co famoso caldeiro fixo acto de presenza.

 Unha hora tardou en apagar o incendio a pesar de ter a auga a cincocentos metros. Ó pouco, apareceu unha brigada con dous todoterreo e oito persoas, mais tarde, un coche da xunta de Galicia co distintivo de S.E.P.R.O.N.A. Vinte? Trinta mil euros ou mais gastados, a polución de todos estes aparellos e o risco das persoas.

 Todo, sen esperar ren de beneficio, só a ancestral idea labrega de ser -donos- do seu, á que axudou a igrexa católica ca idea de dominio sobre tódalas cousas creadas. Todo se pode matar, queimar ou envelenar pa disfrute do ser humano, porque ó parecer, sómo-la obra de deus.  

servido por queixa sin comentarios compártelo

21 Septiembre 2009

carta ós avós

¡como esquecer a nosa historia se forma parte de nos e nos somos os protagonistas! Nos somos Galicia. Homes e mulleres que fomos forzando a terra que temos. Tódalas terras se parecen, todas ten parecida composición, todas ten primavera, pero a historia facémola nos, día a día.

A nosa historia está cargada de actos heroicos, da aportación de nomes importantes que fixeron risco na historia xeral, pero a verdadeira historia é, a que imos construíndo cada día co noso esforzo, ca nosa contribución, utilizando a lingua de tantos e tantos homes e mulleres que nos precederon, de tanta xente que amaba á súa terra e deu canto tiña no seu favor.

Non creo nos nacionalismos radicais, na separación de estados por falar diferente. Tódolos pobos do mundo ten a súa historia, nos, temos a nosa, se renunciamos a esta, á única que temos, estamos renunciando non só o que somos, senón, ó que fomos, porque queiramos ou non, somos herdeiros da historia de Galicia con tódalas consecuencias. De nos depende que os nosos netos herden unha Galicia ou outra.

 Avós, xente da miña xeración que acompañades aos netos ó colexio prendidos da man, que desexades o mellor pra eles, faládelle galego, o castelán xa o falan entre eles, xa o aprenden nas aulas, faládelle na mesma lingua que nos falaron a nos, recordade as amorosas palabras dos que tamén nos quixeron.

Non menospreciedes o noso, faládelle a lingua que utilizades nas partidas de cartas. Non vos deixedes levar por a moda, que sexan moitos non quer dicir que teñan razón. faládelle na lingua que é a nosa, porque ninguén pode fuxir, nin debe, da súa historia.

servido por queixa sin comentarios compártelo


Sobre mí

Avatar de queixa

ALGUNHAS COUSAS MIÑAS

ver perfil »
contacto »

Fotos

queixa todavía no ha subido ninguna foto.

¡Anímale a hacerlo!

Buscar

suscríbete

Selecciona el agregador que utilices para suscribirte a este blog (también puedes obtener la URL de los feeds):

¿Qué es esto?

Crea tu blog gratis en La Coctelera